jueves, 27 de enero de 2011

De galiñas (e algún galo)



Debo ser unha das poucas galiñas  galegas que  ten un blog. Iso éncheme de responsabilidade e, por que non dicilo?, de certo orgullo de caste, por iso vou tentar contar a miña historia coa maior dignidade posible para deixar ás miñas conxéneres no alto lugar que lle corresponde.

Eu sempre me sentín moi identificada coas galiñas do país, pedresas e coloreadas ( de feito vou vestida e penteada como tal). Unha galiña da terra picoteando aquí e alí ,  libre, ata certo punto, tranquila e sen moitas complicacións nin obrigas máis que poñer algún ovo, disputar a posesión dalgún verme despistado ou sortear os impertinentes apremios do galo, sempre disposto a poñerche a pata enriba.

Antes non sabía tantas cousas como agora, que vou vella, e, xa coñeces o dito sobre a sabiduría do demo que, é maior por vello que por demo. Hoxe coñezo esas engaiolantes historias sobre reencarnacións que teñen tanta enxundia e interese popular… -”ciencia pura e dura”-, e cada vez estou máis convencida de que na reencarnación máis recente fun galiña autónoma galega, moito antes de que se nos concedese a Autonomía política, por suposto. 
A miña experiencia debeu ser moi gratificante xa que  cada vez teño máis dúbidas de se fixen un bo negocio na miña transmutación a persoa humana (perdón pola redundancia,pero como galiña tamén me considero persoa, aínda que iso é outra cuestión que non vou abordar nesta coonversa).

O que me motiva a falar hoxe é a historia recente dun feito que me deixou bastante perplexa como humana e como galiña.
O relato hai que situalo no contexto histórico-social no que se circunscribe e cómpre explicitar os prolegómenos para que se comprenda mellor.
Nesta idade interesante na que estou transitoriamente instalada, a unha nácenlle  certos arroutos e caprichos que teñen as raíces enterradas na infancia e a iso atribúo eu a necesidade de recrear no meu eido unha realidade minimalista daqueles tempos tan bucólicamente gardados no meu arquivo de lembranzas  instaladas no meu inconsciente profundo.

De aí naceu unha mini horta xeitosiña, case de xoguete, coas prantacións básicas para acadar tal denominación, xa sabes, pataca cebola faba berza etc., a que se engadiu unha “minimísima” granxa aviar integrada por tres representantes canónicos do gremio .
Unha mañanciña de mércores feirante portugués na veciña localidade de Valença  do Miño,  persoeime no mercado coa intención de levar a cabo o meu agochado desexo: escollín os máis fermosos exemplares para o meu disfrute persoal, visual, acústico e pragmático. De entre os máis atractivos candidatos escolmei un galo de pescozo pelado que é a cousa máis rechamante e chula en galo portugués. Polo seu porte, puxémoslle D. Camilo José Cela e no cotián tirámoslle por Don Camilo a secas: ten ese empaque orondo e presenza ampulosa que recorda bastante ao noso egrexio Nobel , que Deus garde na Gloria en paz. Ademais destes atributos, atraeume del o seu persoal, entoado e afiado canto que me chamou á distancia por entre o balbordo do mercadiño. Cando, orientada polo seu reclamo, me vexo diante del quedei, como galiña que son, absolutamente namorada: cresta encarnada como enseña de caste rexia, pescozo nú, lúbricamente perturbador polas súas características calidades estéticas, nun espido deslumbrante a xogo coa cor das demais partes encarnadas da súa anatomía. Mirada e xesto altivo como conquistador afeito a grandes victorias… ai!!! .. Nin axustei prezo, merquei sen máis: meu!!!
De seguido, esmerei o meu coidado en seleccionar  as dúas compañeiras que pensaba regalarlle para o seu contento ( e, por que non , tamén para o meu, pensando no agasallo en forma de ovos fritidos ou rompidos, que me servirían en prato de gourmet nun futuro próximo),  a tal fin, apalabrei e merquei dúas poñedoras portuguesas que xa sabemos a sona mundial que teñen de seren o número un  no rankin das galiñas poñedoras do mundo, sabedoras do seus deberes e dereitos. A elección recaeu nunha pedresa  cun aquel de recatada coquetería e outra negra acibache con escitilantes reflexos de prata e lúa no lustre da mesta plumaxe, á que se lle vían maneiras de un certo autoritarismo e independencia que lle traerían máis de un disgusto ao galán á hora de exercer as función que lle son propias.
Que trío trouxen para o eido!que orgullo de raza me coubo por ostentar tal posesión!
A partir dese día, calquera persoa que se achegase  á miña porta( e asegúrovos que as miñas portas, a máis de estaren sempre abertas a tutiplén, sonche moi frecuentadas), pasa directamente a saudar e coñecer a D- Camilo e mailo seu exiguo xineceo, quedando abraiado todo quisque da exquisitez dos inquilinos do mini curral.
Así vanse debullando os nos tranquilos “beati dies” nun ámbito rural familiar digno de fermosas églogas louvando natura, seres, espazos, persoas,feitos… felices discurrires transindo os cinco sentidos e algúns máis que poidesen existir…; os despertares imperiosos á vez que translucidos e armónicos baixo a chamada do macho cortando a fío o céfiro da alborada…ai!!!   O óbolo cotiá no niño dos dous fermosos ovos, moreno-dourados que as laboriosas femias depositan para o noso disfrute gastronómico…  o cacarexo rebuldeiro e escarceos amorosos do fogoso galán con sabor a endecha clásica para o deleite da miña  vea estética…ai!!! E mil veces  ai!!! Con entoación “suspirativa”…  Daquela aínda non había indicios da traxedia que estaba por aveciñarse …
Tomarei aire con profundidade abondosa para abordar o segundo tramo do relato.